Monday 29 de April de 2024

Cine e comedia para iniciar a axenda cultural do 2022 na Pobra


A Pobra comeza o presente ano configurando xa o calendario de actividades culturais para os meses de xaneiro e febreiro, onde o cine e a comedia serán os protagonistas. Un total de cinco propostas dirixidas a maiores de 14 anos que transcorrerán no teatro cine Elma. Todas elas serán en domingo, ás 19.00 horas.

A concelleira da Cultura, Patricia Lojo (PSdeG-PSOE), apuntou que con este ciclo búscase ofrecer unha alternativa de ocio á veciñanza, así como contribuír “á posta en valor da cultura galega.” Pola súa parte, a técnica municipal desta área, Fita Sanisidro, indicou que as entradas son de balde e as reservas formalizaranse na casa da cultura e xuventude Raquel Fernández Soler ou a través do teléfono de contacto 981831545.

A primeira das citas culturais será no 16 de xaneiro con Botando a lingua a pastar, da man de Cándido Pazó. Trátase dun espectáculo que mestura contos da tradición oral con historias de creación propia, nos que se van engarzando comentarios relacionados coa lingua galega (curiosidades, uso, normalización e perspectivas), sempre co humor e a empatía como mecanismo de conexión directa e viva co público.

No 23 de xaneiro será a quenda de Dinamo Producións con Por vía oral; un espectáculo protagonizado por Pedro Brandariz e Ángela Triana que analiza o sistema sanitario actual dende un punto de vista humorístico. Trasladan así unhas escenas moi cotiás e identificables.

Culturactiva Producións recala no 30 de xaneiro con Dous no camiño, que pretende ser un divertido e sinxelo achegamento ás lendas xacobeas, facendo especial fincapé nas raíces galegas das mesmas. Nesta montaxe revísanse tres das máis populares: a de Roldán, o cabaleiro francés; a da barca de pedra de Muxía; e da translatio do Apóstolo Santiago a Compostela. Sempre en ton cómico, mais mantendo a esencia destas historias máxicas e con total respecto.

Xa o mes de febreiro se focalizará nas longametraxes, presentando dúas das premiadas nos Mestre Mateo do pasado ano. No día 6, proxectarase Ons, dirixida por Alfonso Zarauza e cun reparto composto por Melania Cruz, Antonio Durán, Xulio Abonjo, Anaël Snoek e Marta Lado. A sinopse expón que dúas das personaxes, Vicente e Mariña, chegan para pasar o verán na illa de Ons: el vén dun accidente e as súas consecuencias psicolóxicas, e a viaxe será un bálsamo para o seu matrimonio. A estancia prolóngase a petición del, e a medida que os días se tornan borrascosos, os segredos gardados comezan a aflorar.

Finalmente, o ciclo pecharase co filme A illa das mentiras, no 13 de febreiro, que narra como na madrugada do 2 de xaneiro de 1921, o buque Santa Isabel, con destino Bos Aires e con 260 persoas a bordo, se afunde fronte a costa de Sálvora. A falta de homes na illa, tres mozas -María, Josefa e Cipriana- deciden ir no rescate e salvan a 48 persoas. Tras este suceso, un periodista arxentino, León, acude a Sálvora para cubri-la noticia do naufraxio e vaise atopando con moitas incógnitas. Dirixida por Paula Cons, a película conta cun elenco no que figuran, entre outros, Nerea Barros, Aitor Luna, Darío Grandinetti, Victoria Teijeiro e Ana Oca.

O dito programa está organizado pola Concellaría da Cultura da Pobra do Caramiñal en colaboración coa Rede Cultural da Deputación da Coruña.